Turismo - Fiestas
A feira de Doade
Publicado en "O Quince" no 1992 por Xesús Antonio Gulías Lamas.
 
Hai un lugar na Terra de Montes, situado no extremo noroccidental de provincia de Ourense, e no termo municipal de Beariz, alumiñado por frondosas carballeiras; cheo de regatos e de fontes, que baixan das derradeiras estribacións dos Montes do Suído; cunha terra por unha cousa: a feira, ¡ a Feira de Doade!. A esta feira aínda lle queda hoxe algo do arrecendo; do sabor; do colorodido; do meigallo; do que eran as feiras de Galicia: o traballo e o descanso; o vender e o mercar; o ver, o pescudar, o ensinar, o comparar o de un co dos demais, o dar unha volta, simplemente, ou o agardar o día, para ter un carto fresco co que pagar as débedas, ou comprar o vestido da moza que xa ten mozos, ou uns pantalóns, para o rapaz que xa quera empezar a afeitar o bigote... A feira de Doade na Terra de Montes, era isto e moito máis. Era sen dúbida, e ainda segue endo, a mellor feira da bisbarra. A súa fundación remontase, igual que as de Acibeiro, Soutelo e Cachafeiro á época monacal.Pero Doade, ten como dixen antes, un meigallo que fai que ainda hoxe perdure, alomenos parte do seu brío, a pesar das transformacións que foi sufrindo o mercado. ¿Pode ser o lugar?. ¿Pode ser a carballeira?...: esa carballeira enorme, de carballos centenarios, ergueitos e alongados que parece que van percurando o ceo coas súas cabezas repoludas, que nos días de verán fan impenetrables os raios de sol e a sarvela das treboadas.

A feira de Doade era ata os anos sesenta ese enorme mercado, onde se podía comprar absolutamente de todo.

Capela de Doade e Campo da Feira

Era aquelo un fervedeiro de xente á percura das cousas mais dispares: arados de ferro, sogas, candelexas, brochas, zoques, esquilóns, cebolas, estoiros, anteollos... en fin, mais do que un se poidera imaxinar. Viñan as rosquilleiras de Ribadavia coas cestas acuguladas de rosquillas e melindros. No tempo das uvas, ribeiraus. No tempo das paveas, as mulleras de Berán que vendían unhas paveas dun arrecendo sen igual, grandes e vermellas, que facian esbagoar os ollos só de velas. Os curtidores de Maside e os da romana de Dacón, que mercaban de todo: fabas, millo, centeo, cornellos, xamóns, e ata a risa, cando engañaban a calquera. Tratantes da Merca, de Silleda e de Bandeira, da Golada e do Porriño, e sobre todo os de Garabás, que acudin en masa, con aquelas chambras de medio corpo, o paraugas colgado ó pescozo, e a vara de carballo, ou o caxato na man, plantando a cada vaca que ía chegando á feira, coa quela soberbia e arrogancia, de que facian gala, dicindo: "¡ tía Maria!, ¿ canto quere pola charneca?", aínda q ue fora unha vaca coma unha catedral. E cando a un de eles se lle metía na cachola unha vaca, gardabanlla ó dono, ainda que fora todo o día.

Chegaban os pementeiros de Arnoia e de Punxín, de Padrón e Pontevedra; ceboleiros da ría de Vigo; os do repolo de Quintela e os das coles da Ulla. Zoqueiros de Noia e de Santiago; tendeiros de Lalin, de Estrada, de Ourense, de Carballiño e os da Graña. Paragüeiros de Nogueira de Ramuín e de Pereiro de Aguiar. Ferralleiros que vendían tódalas ferramentas, tanto para os lóbregos, como para os canteiros e os mineiros, sobre todo de Beariz e de Presqueiras. E non faltaba o pan de Cea nin o de centeo que viña das terras de Vila de Cruces e Lalín.

Había tamén cacharreiros e oleiros de Maceda e Niño de Águia; augardenteiros de Albarellos e arrieiros. Viñan con récuas de mulas, cargadas de odres, onde traían o viño. Peixeiras de Marín e Redondela ofrecendo sardiñas frescas, con aquelas verbas entonadas e cheas de eses. Cegos cantando coplas, ó son dunha zanfona ou dun violín, todo vello e mal cuidado.

¡E as pulpeiras de Arcos!. Non pode haber unha pulpeira, ou que se precie de selo, que non fora á Feira de Doade.

E viñan tamén os xitanos, que querían facer a feira deles: haber se había algún despistado, ó que lle poideran roubar dende a carteira, pasando por unha galiña ata o mismísimo cabalo. Chegaban naqueles carromatos ó xeito das caravanas do oeste americano, cheas de mulleras con rapaces colgados do lombo, do pescozo, do colo, cada quen por onde podía. Ían deixando ó seu paso un cheiro que os caracterizaba. Pedían esmola as mulleras e vendían retais de tela, puntillas de fantasía e cestos de vimbio. E botaban a "Buena Ventura", cobrando o convenidopor adiantado. Logo repartíanlle sorte á persoa que as contratara, mirándolle as raias da man.Quen non viña á feira de Doade, ou non tiña que vender, ou non quería mercar. Chegaban acugulados aqueles autobuses da época, que lles chamaban mixtos, porque levaban xente, gando e mercancías, cun letreiro grande que dicia no frente, e facía de baca: "Empresa tal.. Feiras, fiestas y mercados".

E a xente que viña á feira a pé saía cedo da casa. Un dos camiños máis usados polos pobos de Avión, Carballeda, Melón, A Cañiza, e toda a Serra do Suido, pola banda do nacente, era por Couso. Os de Lamas, Ponte Caldelas, Covelo, Augas Santas, O Pelete, Cambeses, Os lugares do Xeixo: Caroi, Xeixido, Xestas, Barcia de Xeixo, Caritel, por decir algúns, viñan polo Borralleiro. Os das terras de Forcarei, Cerdedo, Sabucedo, Soutelo, Pedre, Quireza, Tras do Monte, Codeseda, Dúas Igrexas, chegaban a Doade ou por Pardesoa, atravesando o Pico de Lamas, ou por Santo Domingo. Os de Albarellos, Feás, Córcores, Liñares, ian por Beariz, ou por Baiste.

Había gando de todo: vacas rubias do país, criadas a ceo aberto nos montes do Suido, e as da corte; cabalos domados, ós que só parecía que lles faltaba falar, e outros ós que só parecía que les faltaba falar, e outros ós que nunca se lles puxera unha albarda ó lombo; cabras, ovellas, galiñas, porcos de cría e de ceba; xugadas de bois mansos, ós que non lles tiraban o ollo os carreteiros; e touros sementeis. Esa era a feira de Doade. Hoxe Doade segue atraendo xente, ainda que só sexa para comer o pulpo e o churrasco; comprar unhas coles; ou disfrutar da sombra dos carballos. E un lugar de referencia e de encontro tódolos dias noves de cada mes. Os feireantes xa non veñen a pé. A emigración e o progreso cambiaron moitos costumes. Riadas de turismos ocupan agora o lugar dos autobuses, e o sitio das tendas. Pero Doade e a súa feira seguen aí, aguantando o paso do tempo e a imposición despiadada que impoñen os novos xeitos de mercado.

Club de Amigos de BEARIZ

¿ Has olvidado tu clave ?
Inscríbete Aquí en el club de amigos
Descubre la magia - Rutas de Beariz. NUEVO!!


© 2007.Beariz.org .Todos los derechos reservados
Condiciones Legales

Cofinanciado por: