Turismo - Fiestas
A festa de San Pedro: A tradición dun pobo
Publicado en "O Quince" no 1992 por Xesús Antonio Gulías Lamas.
 
Os documentos máis antigos que eu teño consultado con relación a Beariz, datan do ano 1034. Non quera esto decir, que non haxa outros máis vellos. Un século despois da devandita data, fúndase o Mosteiro de Acibeiro, concretamente, no ano 1135. 0 arcebispado de Santiago, concédelle ós frades deste mosteiro "parte", por decilo de algún xeito, dos privelexios, que a él, a súa vez, lles foran "concedidos" ou "doados", por diversos monarcas, entre eles: Alfonso II, Dona Urraca, no ano 1115, e Fernando II en 1176, entre outros.

Capela de San Pedro

É pois, como deste xeito, os frades de Acibeiro, emprenden un labor, tanto de tipo relixioso como social, e ata político, no que foi a Terra de Montes: os actuáis concellos de Beariz, Forcarei e Cerdedo, ademáis das parroquias de Barcia de Xeixo e Caroi. O mosteiro, cobraba parte dos foros, ainda que tiña outras entradas por diversos conceptos, e as parroquias tiñan, entre outras obrigas, a de manter ós frades ( supoño que serían ós que as atendían directamente).

Os frades, non so en Beariz, senón tamén noutras parroquias da bisbarra, e refírome á Terra de Montes, repoboaron as terras, cas chamadas "cristiáns vellos". Eran persoas, ás voces familiares, pero sempre coñecidas dos frades, ás que se lles concedían uns terreos para o pastoreo e a agricultura. Na actualidade chamarianselle "xente de confianza".

É moi chamativo para min o feito que na parroquia de Beariz, que ten a advocación de Santa Maria, teña nos tres lugares máis grandes, as ermídas adicadas a santos cos que ela tivo en vida unha relación directa: San Pedro, en Alvite, Muradós e o Candedo; San Bertolameu, na Bouza e Garfián; e en Magros, San Xoán. Como podemos ver, foron apóstoles, e formaron parte en vida, da familia terrenal da Virxe. Esta coincidencia non é en van. A patrona dos frades do Cister, é Santa María. Este feito condiciona a Beariz, quizais máis, ca tódalas outras parroquias: tanto a Patrona como os "abogosos", eran da mesma familia: a familia de pentecostés.

Parece ser que a primeira ubicación parroquial, ou cando menos o cemiterio, estivo onde está hoxe a ermida de San Pedro. Eu recollín testemuñas orais de atopar osos humáns, por haber sido alí un lugar de enterramento.

Cando se fai actual igrexa de Beariz, que comenzan as obras no ano 1612 e rematan en 1624, a ermida de San Pedro queda destiñada, igual cas de San Bertolameu e San Xoán, á veneración dos santos, nos días das súas festas. A ermida de San Pedro, está chantada no cume, dun pequeno outeiro e no medio dunha fermosa carballeira, dende onde se pode ver todo o val de Beariz, con terreos adicados noutros tempos, os cultivos de millo, patacas e centeo. Parece que se lle ven enriva o Coto de Marcofán, todo furadod e minas, e ó lonxe, a serra de Avión e os Montes do Suido.

Se non quere deci-la misa, non a diga, que San Pedro o que precisa, son fogos e música, que misas xa as dixo él.

A calquera pódelle chamar a atención a celebración do día da festa. E cando falo da festa, refírome á festa "profana": fogos e música. Porque na ermida de San Pedro, sempre se celebrou misa os días 29 de xuño, data na que se conmemora o martirio do santo. Pero a festa popular: misa, romería, foguetes, música e baile, pasouse para o domingo seguinte ó 15 de agosto, festa de Nosa Señora de Beariz.

¿Por que este cambio?. A razón é moi simple e o mesmo tempo complexa. Beariz, foi dende sempre un pobo de emigrantes. Pero ollo, emigrantes con raíces, por eso son emigrantes con volta. Os primeiros emigrantes foron os canteiros. Beariz, igual que toda a Terra de Montes, díu canteiros de primeira liña, que espallou por todo o mundo. Pero non todos eran canteiros. Na primeira metade do século pasado foi moi florecente a agricultura en Castela, convertendose no graneiro peninsular. A falta de maquinaria, favoreceu a demanda de man de obra, sobretodo para a recolleita do trigo e das uvas. A nosa xente emigrou a Castela, case en mas, cunha fouciña na man. Aparecen os segadores galegos, dos que temos constancia nos versos de Rosalía, cando os vía pasar alá por Simancas:

Castellanos de Castilla,
¿Que lle facés ós galegos?
cando van van coma rosas,
cando vén, vén coma negros.
-O sol do verán na meseta, queimaballes o coiro-.

Beariz non puido ser menos neste proceso. Todos temos testemuñas dos nosos antepasados, que foron de nenos, atadores de trigo, e de mozos segadores. Eran tres meses de traballo duro, para poder chegar de novo á terra, cunhas cantas moedas na faltriqueira. Aquí a economía era tan froxa, que pouco máis era ca economía do "troco". Visto esto, se facemos contas, para a festa de San Pedro, o 29 de xuño, os mozos non estaban no lugar. Estaban segando trigo "a toda fouciña" nas Terras de Campos.

¿Pódese celebrar unha festa sen mozos?. Claro que non. Entón o cambio da data, podemos decir que cai de caixón. A sega do trigo tiña rematado a primeiros de mes de agosto. Segadores e canteiros viñan chegando a Beariz para as festas patronais. Foi por ese motivo polo que a festa de San Pedro trocou de día para a celebración.

Imaxe da Festa de San Pedro

Contan que houbo un crego, un pouco anterior a Pontes, que nunha ocasión, non quixo ter a misa na ermida de San Pedro, o dia conveñido para a festa, senón que quería que todo se celebrara no día que lle perteñecía: o 29 de xuño. É moi soada a anécdota dun veciño de Muradás, coñecido coma "0 Longo", amigo de San Pedro, como debe ser, e cando o crego se negou a deci-la misa no día que ian té-la festa, ó Longo non lle importou moito, e por resposta, dixolle ó crego:-non hai problema. Se non quere deci-la misa, non a diga, que San Pedro o que precisa, son fogos e música, que misas xa as dixo el, que foi crego antes ca vostede, ¿ou non sabe que foi o primeiro papa?. Diu media volta, e foise falando pola baixa: -San Pedriño, ¡de terche festa encargome eu!.

Aquel ano, San Pedro, non tivo misa na ermida, pero encargouse o Lombo de que tivera música e foguetes. Según contan, o Lombo so botaba un baile no día de San Pedro, pero aquel día non perdeu ningún. Celebroulle a festa por todo o alto ó santo.

Tanto do lugar de San Pedro, coma da súa festa hai anécdotas moi fermosas. Quero lembrar aquí unha vencellada ó cruceiro.

Quen vai pola carballeira, ainda hoxe pode ver alí un cruceiro. É un cruceiro moi sinxelo, apoiado nun pedestal, ó que arredor del, o día da festa da a volta a procesión. Pois ben. Este cruceiro, en principio, estaba chantado enfrente da ermida. Pensouse, que naquel sitio no que se facia o baile, como quedaba pequeño, por gallo do cruceiro, o mellor seria cámbialo de lugar. - De todos é sabido, que a festa de San Pedro, patrocínana os veciños de Albite, un ano; os de Muradás, dous anos seguidos e un ano os de Candedo-.

Ós veciños de Muradás e de Albite parecíalles mellor que o mudaran para a parte de riba de ermida, e os de Candedo, preferían que se puxera para a parte de baixo. Estando nesta peterría, de se para riba ou para baixo, ocurreuselle a alguén unha solución Salomónica: xogalo á brisca de catro, xa que todo o mundo estaba de acordo en que había que tiralo do medio. E así foi, Polos veciños de Muradás e de Albite xogaron: Manuel Ribas Boullosa, -O Raxoio-, e Xoan Lamas Barco, -o tío Xan. Os vecinos do Candedo puxeron a Benito Gullas Ogando. O Corrucho-, e Francisco Balboa Táboas. -o tío Paco-. Perderon os do Candedo, e o cruceiro foi parar ó sitioque consideraban os de Muradás e de Albite debía estar.

Por eso ese cruceiro, está onde está, con todo dereito, porque gañaron uns e perderon outros, xogando á brisca, en xogo limpo, dous homes do Candedo, contra dous de Muradás.

A festa, ou millor dito o baile,fíxose sempre,como xa dixen antes, na carballeira, diante da ermida. Hai alí un fermoso carballo, de polas grandes ó xeito de púlpito -o que xa se lle ten cortado algunhas- no que se lle facia un palco os gaiteiros. -Subianse alí os gaiteiros a tocar, e dende o chan, cunha corda, mandabanlle o viño nun garrafón, para que "mollaran a palleta". Nunha ocasión, caía unha treboada tan grande o día da festa, que non se podia bailar, entón os mozos sacaron ó San Pedro de pedra, -que daquela estaba dentro- e puxeronno no medio do turreiro para que se mollara coma todos, pero veu Rosa do G. e acochouno co mantón.

Hai moitas mais fermosas anécdotas destas festas cheas de familiaridade sinxela que non podemos esquecer.

San Pedro, é noso, coma é noso o quince, San Xoan ou Santo Domingo. Todo esto forma parte da nosa vida, ata do ser que nos fai facendo como somos: festeiros, emigrantes... pero terriblemente apaixoados dos nosos costumes, porque son nosos; porque os levamos dentro; porque non queremos que se perda esa mestura devanceira de tradicións, de ditas e de lendas..., que fan da nosa terra parte de nos mesmos.

Club de Amigos de BEARIZ

¿ Has olvidado tu clave ?
Inscríbete Aquí en el club de amigos
Descubre la magia - Rutas de Beariz. NUEVO!!


© 2007.Beariz.org .Todos los derechos reservados
Condiciones Legales

Cofinanciado por: