Biblioteca - Leyendas
A lenda da Capela da Bouza
Publicado en "O Quince" no 1996 por Mª dos Anxos Sanmartin Lorenzo.
 
Cando eu era un rapaz pequeno, e a luz eléctrica andaba a velas vir, acababa de dar comenzo unha era que se nos precipitou ás costas case sen decatarnos. Daquela, o tempo, coma que corría menos e a xente tiña máis vagar para todo.

Capela da Bouza

No inverno, que parece que duraba moito máis, eu ía pró Cornello, onde meu avó tiña unha serrería de madeira. Unha longa presa, que ainda hoxe existe, levaba a auga á roda grande, que facía mover por medio dunhas poleas e uns engranaxes, unha diferencial, que ó tempo levaba o seu movemento a dúas rodas unidas por unha cinta con dentes de aceiro, ó xeito de serra.

A serrería do Cornello chegaba xente de. toda a bisbarra. Viñan carretos con paus para facer trabes, táboas, cangos, pontóns e todo o que fixera falta para facer unha casa.

Descargábase a madeira, que a maior parte era de carballo, e logo agardábase ata que se serrara. O carro da serra ía e viña sen descanso. E mesmamente, o lado, había un cuberto e na esquina ardía o lume de cotío. Había un pote grande para facer alí a comida e a xente que viña de lonxe agardaba sentada a carón do lume. Contaban traxedias, aventuras e desventuras dos lugares de onde eran, e foi alí, onde por primeira vez oín unha lenda, que anos despois, escoitei, máis ou menos coas mesmas palabras, unha noite de ruada no lugar da Bouza, tamén ó pé do lume, mentras ardía na lareira, mainiñamente e sen apuro, a cañota dunha uz.

A lenda oínlla a un home vello que daba a sensación de que o que decía, era verdade, porque era posible.-¡E era posible, porque era posible o milagre!-.

Contaban que a Bouza era un lugar sen capela, porque a xente so pensaba en traballar para si e cadaquén andaba ó seu. E había un matrimonio que tiña unha filla soa, e que vivían moi felices, ata que pasou por alí unha meiga moura e embruxou á moza. A moza perdeu as cores e a alegría; aquel donaire que tiña e aquel garbo que deixaba pasmada á xente do lugar. O meigallo da moza foi coma o lume que empezou a sementar a inquedanza a tódolos veciños. ¡Aquelo era terrible!. Pero como era unha moza moi boa e moi cristiá, encomendouse a San Bartolomeu,que ¡ foi o vencedor do demo! E o santo pediulle que lle fixera unha capela. - ¿Cómo che vou facer eu unha capela, se son unha muller e meu pai non sabe de canteiro?, díxolle a moza ó santo.

- Ti non te preocupes. Dille isto a teu pai. E mañá, cando se poña o sol quero que vaiades á cima do lugar. Levades unha maceta e un punteiro; buscades o sitio que mellor vos pareza e pondesvos a facer a capela. E quero que na frente debuxedes con pedras, un arco sobre a porta. Así falou San Bartolomeu.

Cando se puxo o sol detrás do Cotiño alí estaban a moza e máis seu pai.

Puxéronse a traballar os dous. E cando o sol, agramou os cornos por detrás do Coto de Marcofán, acaban de rematar o sitio da campana.

E acabouse o meigallo na Bouza. Voltou a paz e a alegría á xente do lugar. E así San Bartolomeu, é venerado nesta capeliña que fixo unha moza e mais seu pai, dendes da posta do sol ata a rompida da aurora.

Cada vez que oía tocar a campana da Bouza, dende o Cornello, sempre me lembraba do vello que me contou a lenda e do pai e da moza que fixeron a capela.

Club de Amigos de BEARIZ

¿ Has olvidado tu clave ?
Inscríbete Aquí en el club de amigos
Descubre la magia - Rutas de Beariz. NUEVO!!


© 2007.Beariz.org .Todos los derechos reservados
Condiciones Legales

Cofinanciado por: