Biblioteca - Leyendas
Lendas de tradición oral do concello de Beariz
Publicado en "O Quince" no 1996 por Jorge Lamas Bertólo.
 
No presente artigo vou presentar unha pequena escolma sobre as distintas lendas populares que se dan no noso concello. Pero creo conveniente facer antes unhas consideracións sobre todo o que rodea ás lendas e o seu significado.

Ni me quiero casar ni ganas de eso tenía. Quiero subir al cielo con la Virgen María.

Así o concepto de lenda hai que velo como a transmisión de conceptos fundamentáis da consmovisión do grupo social no que se xeran e difunden, isto é, recolle feitos onde participan seres con poderes sobrenaturais pero localizados espacial e termporalmente. O importante é volver á narrativa popular tendo en conta a simboloxía e socioloxia que tratan de representar.

0s mouros son personaxes de "raza mítica" que habitan os nosos monumentos prehistóricos ( mámoas ou castros ) ou na paisaxe natural. Había a necesidade de "darlle vida" a eses lugares "ancestrais" a trasvés de lendas onde se inclúen personaxes estraños e antigos atribuíndolle fenómenos supranormais. 0s mouros non son recordos dos habitantes prehistóricos de Galicia, senón que é na Idade Media e na súa sociedade agraria formada por campesinos dependentes suxeitos a outros segmentos sociais, en definitiva, a unha actividade socio-económica dependente facendo que o dualismo entre labrego (inferior) e non labrego (superior) se reflexe na tradición oral.

Asi o mouro leva un estilo de vida diferente ó labrego, simbolizando unha vida poderosa que é como a imaxinan os labregos para os segmentos da sociedade que os trascenden.

O relato cumpre a función de lembrarlle ó campesino que existen persoas mais ricas con poder que non son do seu segmento social.

¡Ai, canto ouro tés!

Con respecto as lendas de tesouros ou encantamentos dicir que o ouro simbólicamente tiña un valor de imaxe do sagrado, da vida perfecta. Conseguir un dos tesouros sería deixa-la pobreza (labrego) para ser rico (non labrego). Son difíciles de conseguir porque non se pode rompe-lo equilibrio socio-económico da comunidade (observar que sempre os tesouros teñen protectores que hai que "gañar").

Un exemplo claro é a lenda da moura que ten unha tenda e aparecen as tesoiras, estas supoñen a ruptura das relacións, é o símbolo asociado ó destino, pode corta-lo fío do devenir e provoca o fracaso de quen as elixa.

Nos relatos sobre encantamentos femininos dicir que son seres fermosos rodeados de mecanismos que dificultan calquera tipo de apropiación. A moura serpe aparéceselle ó home en forma de serpe e hai que desface-lo encanto para conseguir favores ou a riqueza da moura. A serpe simboliza o infrahumano e se se triunfa é unha victoria sobre o mal.

Como remate dicir que pretendo que o lector vexa os camiños para tratar de ver e comprender esta escolma de lendas. Non se debe de ver só como un mundo símbolico senón que hai un conxunto significativo de que tales personaxes contribuían a formar unha ideoloxía, unha cosmovisión determinada. Hai máis que un goce estilístico no noso lendario.

Lenda de Pena Longa

Un porco foi comer no millo que unha moura tiña a solear. A moura vendo isto tiroulle un restrelo de ouro e cravoullo ó porco no lombo. Cando llo cravou no lombo díxolle a moura:

- Ti vas fodido pero o teu amo vai ben servido.

Lenda no río do Batan

Había unha meniña que falou cunha moura que vivía nunha tenda.

A moura díxolle:

- Ven para acá meniña que che regalo o qúe teño na tenda pero tesme que trae-lo mellor pano que teñas na casa sen dicirlle nada a ninguen.

A moza foi para a casa e cando a meniña estaba collendo o pano a nai pillouna e entón a meniña tívolle que conta-la verdade. Cando chegou onda a moura co pano, ésta enfadada quíxolle corta-la lingua e picarlle os ollos cunhas tesoiras. Non o conseguiu e desapareceu deixando un burato na terra.

Lenda de Lombao (Muradás)

É moi semellante á anterior pero é importante fixarse no símbolo das tesoiras.

No Lombao apareceu unha moura cunha manta chea de ouro a solear, entón chegou unha rapaza cunhas ovellas e díxolle:

-¡A que tesoiras máis bonitas tes!

E contestoulle a moura:

-Se as queres tes que ir á casa e se me trae-lo mellor pano que teña túa nai dareichas, pero non tes que dicirllo a ninguén.

Pero a moza chegando á casa díxolle a súa nai:

-Nai, está unha moura cunha manta chea de ouro e ten unhas tesoiras moi bonitas e dí que mas dá se lle levo o mellor pano que vostede teña.

A nai díxolle:

- Pois lévallo, miña filla.

Ó chegar de volta para darlle o pano a moura quíxolle corta-la lingua e picarlle os ollos coas tesoiras pero ó non conseguilo a moura desapareceu porque sabía que llo contara á nai.

Lenda de Lombao (Muradás)

Había unha moura que estaba en Lombao e chegou un home e díxolle:

- ¡Ai, canto ouro tés!

E a moura contestoulle:

- Se quera-lo ouro tes que traerme un xerro de leite, un anaco de pan e un ovo que me tes que botar na testa. E non teñas medo que hei de vir brunando coma unha serpe e logo espallareime que estou cargada de ouro e despois cásome contigo.

O home levoulle o xerro de leite, o anaco de pan e o ovo e deixoullo alí pero como tivo medo escapou.

Despois disto o home foise enterrar a Burata (nome do lugar) cunha trabe de Alcatrén.

Lendas do Castro de Garfian

Había no castro un matrimonio mouro que se levaba mal. A muller estaba tecendo e o home estaba a "voltas" cunha pipa de viño. A muller moura quitoulle o calzo a pipa e este volcou e rolou polo castro abaixo.

Cando chegou morto abaixo a moura púxose a cantar:

- A morte do meu marido tiña soñado, aínda me dá a risa coas voltas que daba.

Estando unha moura no castro pediulle unha bola de pan á meniña para o rei mouro e a cambio daríalle unha marea de ouro.

A meniña, polo camiño, non puido evitalo e probou un anaco da bola e foi así como o perdeu todo.

Lenda-Poesía

No castro de Magros poño os meus brazos,
no castro de Garfián meu fillo Xan,
no de Lozón o meu corazón,
no de Caldelas a miña dúas velas.

A lenda fai referencia a que ela (a moura) está no de Magros, no de Garfián o seu fillo Xan, no de Lozón está o seu marido e no de Caldelas as dúas fillas.

Lenda da Virxe Maria e a filla do rei

El rey tenía una hija muy amada y muy querida,
rezaban tres rosarios, todos los tres en un día
uno por la mañana, otro por el mediodía
y otro por la media noche cuando la gente dormía.
Estando rezando el rosario llegó la Virgen María:
-¿Qué haces ahí devota, devota infante mía?
-Estoy rezando el rosario que de costumbre tenía
- Si te quieres casar, marido te daría,
si te quieres monja, convento te daría,
si quieres subir al cielo una mano te daría.
- Ni me quiero casar ni ganas de eso tenía.
Quiero subir al cielo con la Virgen María.
Déjame pedir licencia a un rey padre que yo tenía,
despierte mi padre despierte aunque es descortesía
que dentro de sus palacios está la Virgen María.
Y quiere que vaya con ella a una larga romería.
- Si te lleva esa señora, vete con ella hija mía
que te eche su bendición que yo te echaré la mía.

Tamén incluín esta lenda na escolma para que se vexa que tamén se facían sobre a Virxe María e os Santos relacionandoa con reis producto da profunda relixiosidade que impera no labrego.

Club de Amigos de BEARIZ

¿ Has olvidado tu clave ?
Inscríbete Aquí en el club de amigos
Descubre la magia - Rutas de Beariz. NUEVO!!


© 2007.Beariz.org .Todos los derechos reservados
Condiciones Legales

Cofinanciado por: