Museo
Introducción histórica de Beariz
 
O nome de Beariz aparece por primeira vez na historia no ano 1115, que é a data en que Dona Urraca lle doa ó Arcebispo Xelmírez os dereitos sobre as Terras de Montes, que comprendían entre o río Avia polo sur, as terras de Tabeirós polo norte e as do Deza polo leste. Beariz, dende o ano 1833, pertence á provincia de Ourense e ó partido xudicial do Carballiño.

A partir do ano 1135, Beariz e toda a Terra de Montes, pasan a depender directamente do mosteiro cisterciense de Acibeiro, e son estes frades os que rexen os destinos desta bisbarra, impartindo xustiza e recadando tributos, por medio dos xuíces meiriños, que foron unha especie -sui generis- de señores feudais, con sede no Castro de Montes, en San Miguel de Presqueiras, ata o ano 1476, data na que os Irmandiños, derrubaron a fortaleza, e tiveron que trasladarse a Soutelo e a outros lugares da bisbara, sen teren unha sede fixa, ata que desapareceu esta figura, no ano 1811.

Igrexa parroquial de
Sta. María de Beariz

A historia de Beariz está por tanto, vencellada intimamente, tanto ó Mosteiro de Acibeiro, coma ós seus frades, dos que dependía, tanto administrativa, coma xuridicamente, pois eran eles os que tiñan os poderes de elixir ós xuíces, que eran á súa vez o brazo executor de canto emanaba do Mosteiro. No ano 1612 empézase a construcción da igrexa parroquial, que remata no ano 1624. O autor desta obra é Domingo de Castro, que recibiu do fabriqueiro Xilgorio Vázquez "como parte do pago, cincuenta e catro ducados en diñeiro, pola obra e altar da igrexa de Viariz, que está a realizar.." No ano 1704 saen a subasta pública as obras da construcción da sacristía, que a realiza Carlos da Riva, por dous mil cincocentos reais de bellón. Comezou as obras o 28 de abril de ese ano e rematounas en outubro do ano seguinte.

O retablo, de estilo barroco, é obra do tallista ribadaviense Francisco de Vega, que cobrou por este traballo, "feito en madeira de castiñeiro, da boa…e por cinco imaxes máis... catro mil trescentos reais de bellón". Esta obra saíu a subasta pública, sendo prior de Santa María de Beariz, Fr. Atilano Sánchez, cisterciense, da orde de San Bernardo, o 3 de outubro do ano 1732.

O dourado orixinal, foi obra de Ignacio González, que o realizou no ano 1754, sendo rector de Beariz, Fr. Plácido Carrero, da orde de San Bernardo.

A campá máis pequena, e que na actualidade está rachada a causa dun lóstrego, foi fundida en Arcos da Condesa no ano 1776. Era nesta data prior de Beariz, Fr. Esteban Ocampo. A campá que poderamos chamar xémea desta, aínda que é un pouco máis grande, pero está tamén rachada polo mesmo lóstrego, fundeuna tamén o mesmo fabriqueiro, en Arcos da Condesa no ano 1782, sendo nesta data rector de Beariz, Fr. Nicolás Barrientos.

No ano 1839, sendo prior de Beariz Fr. Francisco Biejo, fabrica Taboada, a campá grande en Arcos da Condesa.

Retablo e bóveda da Igrexa Parroquial

E no ano 1906, é o seu herdeiro, Melchor Ocampo, o que funde a mediana, que na torre está situada cara ó levante. Por esta data a parroquia de Beariz xa non estaba rexida polos frades de Acibeiro, senón por cregos seculares nomeados polo Arcebispo de Santiago e dependentes del. A cruz de prata, que sae ás procesións os días de festa e obra do orfebre compostelán Xurxo Cedeira. Realizouna a comezo do ano 1700.

A actual torre da igrexa é obra do insigne escultor e mestre de canteiros Xosé Cerviño. Realizouna no derradeiro cuarto do século pasado. A torre é de planta cadrada, cunha balaustrada ampla no lugar das campás e dous corpos superpostos en diminución ascendente, para rematar cunha bóveda redonda e algo apuntada e un pequeno pináculo que sostén o fuste do pararraios.

O Cruceiro de Xirazga está diante da igrexa parroquial de San Salvador de Xirazga. É obra tamén de Xosé Cerviño González, que o realizou no ano 1896. A base, que ten unha escrición, está asentada sobre un par de escaleiras que sustenta a vara que é de granito silvestre moreno con moitas incrustracións metálicas. Ten pola parte do Cristo, no medio, un Santo Domingo e por debaixo, Adán e Eva, e por enriba deles, a árbore do ben e do mal coa serpe enroscada, ofrecéndolle a mazá á muller. Pola cara da Virxe das Dores, tamén no medio do fuste, hai unha imaxe da Verónica, mostrando no manto un fermoso rostro de Cristo. O capitel, de estilo xónico, ten unha cabeza de anxo en cada lado. Pola cara do Cristo, a base ten unha calaveira, e pola banda da Virxe a cabeza dun anxo. Tanto a imaxe do Cristo coma a da Virxe, están excelentemente logrados e son dun equilibrio grandioso. No fuste, esculpido en alto releve, podemos ver varios símbolos da Paixón de Cristo coma o cáliz, a columna, o cetro, a lanza, a escaleira, tres cravos sobre un corazón, o martelo, as tenaces e o látigo.

No lugar de Ricobanca, quedan restos dunha calzada romana e unha ponte medieval sobre o río Verdugo, reconstruida no lugar onde houbo unha romana, que formou parte da calzada.

Da época castreña, quedan dous castros: un en Magros, grande e pouco explorado no que se ten atopado algunha moa de muíño de man e bastes restos de cerámica propias da tempo. As murallas están moi derruídas e as casas a penas afloran da terra. Do de Garfián case non quedan pedras no lugar, xa que a traveso dos anos foi moi esquilmado polos veciños da bisbarra. Tanto dun coma do outro, circulan moitas lendas dos mouros, semellantes ás de outros castros de Galicia.

As mámoas máis importantes e grandes están no Val do Lodeiro, concretamente no lugar chamado As Mámoas. Todas elas foron abertas polo cume, xa que había a crenza de que dentro delas gardábase un tesouro. Hai tamén mámoas en Albite e Santo Domingo, na que fai pouco tempo acháronse unhas puntas de lanza, realizadas en bronce.

Club de Amigos de BEARIZ

¿ Has olvidado tu clave ?
Inscríbete Aquí en el club de amigos
Descubre la magia - Rutas de Beariz. NUEVO!!


© 2007.Beariz.org .Todos los derechos reservados
Condiciones Legales

Cofinanciado por: