Cesión
O Alcalde de Beariz e María Fe Fernández Somoza, herdeira da botica de Doade, asinaron un convenio para o establecemento e conservación dun museo ou colección visitable na botica de Doade (Beariz). Este acordo do ano 2014 cunha duración de 25 anos fixo posible o acceso a un espazo que ilustra de xeito único como era a profesión dun sanitario na Galicia de finais do século XIX e principios do XX. Para a posta en valor do establecemento e do seu contido o concello de Beariz afrontou nun primeiro momento a realización das obras de restauración do chan e o mobiliario de madeira que estaba afectado por humidades e xilófagos, ademais de mellorar a instalación eléctrica e a iluminación do local. Estas obras que ascenderon a un total de 56.700,00€ foron realizadas grazas a unha subvención da Consellería de Cultura da Xunta de Galicia de 48.100,00€ Seguidamente procedeuse a inventariar o contido relacionado coa botica que resultou nun total de 2708 fichas que identifican os elementos expostos. Este inventario exhaustivo foi realizado por María Vitoria Folgueira Fariña entre os meses de abril e xullo de 2021. Próximamente poderase iniciar o programa de visitas guiadas ao local previa reserva no concello. Ademais púidose realizar unha visita virtual que nos ofrece a oportunidade de entrar na botica a través da tecnoloxía 3d desde diversos dispositivos e con explicacións en vídeo.
Importancia da Botica de Doade
A antiga botica de Doade pódese converter nun espazo divulgativo da historia sanitaria da comarca, así como da particular actividade profesional dun dos últimos “boticarios” da nosa Comunidade. O proxecto de restauración e rehabilitación trata de revivir a contorna dun profesional sanitario cuxa labor diaria pode aínda recoñecerse nos restos dos produtos químicos e medicamentos conservados no local.
En base á gran cantidade de remedios terapéuticos e do instrumental de laboratorio conservados podemos afirmar que esta antiga botica pode ser considerada como unha das máis interesantes de Galicia desde o punto de vista histórico e científico, non xa pola súa antigüidade, senón pola gran variedade e estado de conservación de todas as pezas que alberga; sen dúbida, a súa rehabilitación supoñerá un referente neste tipo de museos de farmacia a nivel nacional, a un nivel similar ao da farmacia Couceiro de Betanzos (Coruña) ou a farmacia Merino de León. Do mesmo xeito que estes e outros establecementos similares, que reflicten a imaxe da botica urbana dos séculos XIX e XX, a colección de produtos e envases que alberga esta botica é dun enorme interese cultural e científico pero non menor que o propio local, destacando neste punto a distribución dos seus espazos internos que, ao noso entender, representa un aspecto destacable fronte a outras boticas-museos, moitas das cales comparten a súa faceta museística coa súa vixente actividade comercial-profesional que levou, en moitos casos, a reorganizar os seus espazos concentrando todas as pezas e mobiliario en zonas concretas das mesmas, alleas, xa que logo, á súa distribución e localización orixinais. Pola contra, a botica de Doade presenta íntegramente todo a seu mobiliario e pezas distribuídos nos seus lugares orixinais, manténdose, igualmente, a distribución orixinal de cada unha das dependencias da botica, cos seus respectivos obxectos e utensilios. O visitante atoparase cun local dividido e adecuadamente organizado en espazos funcionais (zona pública, zona de lectura, despacho e laboratorio), cada unha albergando as pezas orixinais que facilitan a interpretación de cada actividade profesional, o cal debemos ás particulares condicións históricas que rodearon a vida do seu último propietario, que evitaron a lóxica e natural evolución da súa actividade profesional que levaría á desaparición das diversas funcións que cada sala debía desempeñar nas antigas boticas ata mediados do século XX. Este aspecto é tanto ou máis interesante que a colección de pezas e produtos que alberga esta antiga botica e é o que lle outorga unha orixinalidade destacada respecto de outros establecementos similares e, por iso, entendemos que a conservación desta botica debe ser un obxectivo prioritario.
Esta botica permaneceu aberta ao público desempeñando un destacado labor sanitario en toda a comarca desde finais do século XIX ata mediado o século XX; trátase, xa que logo, dun establecemento que marcou a historia sanitaria da zona durante máis de 60 anos, estando considerada sempre como un centro de atención sanitaria para xentes que, ata, procedían de localidades como distancia.
Carballiño, situada a 40 quilómetros de En Doade asistimos a un dos últimos exemplos daquelas boticas “clásicas”, que representaban a tradicional actividade sanitaria baseada na elaboración de remedios terapéuticos e nos coñecementos científicos dun profesional que, tal e como ocorre na actualidade, ostentaba unha formación académica que abarcaba outros moitos ámbitos da vida diaria, sempre en aras do beneficio sanitario da poboación circundante. Neste caso, lonxe de estar ante un establecemento modesto (dado o seu illamento xeográfico respecto doutras localidades da provincia) estamos ante un local altamente cualificado e variedade, quizá debido a esas mesmas condicións e circunstancias de illamento. O complexo escola-museo de farmacia pode converterse no futuro nun centro divulgador da historia da docencia e a sanidade nesta comarca, servindo como foco promotor de actividades culturais, non só para Beariz, senón para toda a Comunidade galega.
Miguel Alvarez Soaje Ldo. en Farmacia Dr. en Historia da Ciencia